23/4/09

Novo informe da CSI sobre Normas Fundamentais do Traballo en Mozambique

Un novo informe da CSI sobre Normas Fundamentais do Traballo en Mozambique, que coincide coa revisión das súas políticas comerciais por parte da Organización Mundial do Comercio (OMC), atopou graves violacións dos dereitos sindicais, inclusive na zona franca industrial de Mocal.
A capacidade dos sindicatos para funcionar libremente vese seriamente obstaculizada pola lei e polo uso arbitrario da violencia por parte dos empregadores. Moitas destas accións violentas non son castigadas, e ademais a discriminación antisindical non está suxeita a multas adecuadas. Os traballadores das zoas francas industriais (ZFI) ven os seus dereitos restrinxidos a causa da definición que dan as autoridades do traballo considerado como “esencial”, a cal claramente non encaixa coa definición da OIT de “servizos esenciais”. O informe da CSI solicita ao goberno que emende a lexislación laboral en conformidade cos Convenios 87 e 98 da OIT.
O informe amosa que as mulleres son obxecto de discriminación en termos de emprego e remuneración. É máis, a pesar de ser ilegal, o acoso sexual está considerado como algo xeneralizado tanto no sector privado como no público.
O informe chama especialmente a atención sobre o traballo infantil que, aínda que non se da na industria, está moi estendido nas zoas rurais, onde os nenos traballan a miúdo como empregados temporais e en plantacións comerciais. Obsérvanse unhas cifras alarmantes de nenos e nenas forzados a prostituírse e moitos outros que traballan como empregados do fogar ou mendigos.
Mozambique ratificou os Convenios da OIT sobre o traballo forzoso e estableceu multas disuasorias. Nembargante, persiste a trata de persoas para a explotación sexual ou laboral, normalmente dende as zoas rurais a cidades de Mozambique ou a Sudáfrica. O informe insta ao goberno a prover adestramento e formación para os axentes da autoridade e a tomar tódalas medidas apropiadas para comezar a eliminar o traballo forzoso.
O informe da CSI está dispoñible (en inglés) en http://www.ituc-csi.org/IMG/pdf/Mozambique_report-final__2_.pdf

No hay comentarios:

Publicar un comentario