Bruxelas, 24 de marzo do 2009: O histórico Congreso da Federation of Trade Unións of Burma (FTUB), celebrado ao longo de tres días na fronteira birmano-tailandesa, concluíu hoxe coa aprobación da nova Constitución da organización e reelección de U Hla Oo como Presidente e de Maung Maung como Secretario Xeral. A FTUB, fundada en 1991, estivo dende o principio o fronte na loita pola democracia e os dereitos humanos. A constitución confirma o status da FTUB como organización sindical independente e democrática dedicada a lograr o respecto dos dereitos laborais, en particular as normas da Organización Internacional do Traballo, para tódolos traballadores birmanos.
Os delegados do Congreso expresaron o seu agradecemento ao movemento sindical internacional pola firme solidariedade que amosaron os sindicatos de todo o planeta en apoio aos seus colegas birmanos, e se comprometeron a fortalecer a cooperación con sindicatos do mundo enteiro.
Unha característica clave do Congreso foi a reafirmación do compromiso da FTUB de contribuír a poñer fin ao goberno militar e introducir a democracia. O Congreso fixo un chamamento para boicotear a farsa das “eleccións” do exercito previstas para 2010, que pretenderán persuadir da credibilidade do réxime sen que este teña que abandoar o poder absoluto que mantén actualmente. O Congreso tamén se comprometeu a seguir loitando contra o uso sistemático do traballo forzoso que practica o exército, dando probas de que o réxime estivo utilizando o traballo forzoso en proxectos de reconstrución posteriores ao devastador ciclón Nargis de mai ode 2008.
A FTUB mantivo así mesmo o seu chamamento con relación as sancións económicas contra a xunta militar, sinalando que o 90% da xente de Birmania ten que vivir con menos de 1 $ ao día, e que as únicas persoas que obteñen algún beneficio real a raíz das relacións económicas e comerciais que Birmania mantén con outros países, son a reducida minoría da poboación que dirixe o réxime, e os seus partidarios máis próximos.
“ A FTUB sae deste Congreso forte, unificada e decidida a traballar por un mellor futuro para os traballadores birmanos e para toda a poboación do país. A Federación conta claramente cun apoio sumamente forte dentro do país, a pesar dos constantes acosos e brutalidade por parte do réxime contra toda persoa sospeitosa de apoiar un sindicalismo xenuíno. A CSI xunto cos seus asociados internacionais manterá e consolidará o seu apoio á FTUB na súa loita pola democracia, a xustiza e os dereitos dos traballadores”, dixo Jaap Wienen, Secretario Xeral Adxunto da CSI e representante da Confederación no Congreso.
CONFEDERACIÓN SINDICAL INTERNACIONAL (CSI)
No hay comentarios:
Publicar un comentario